Veraneantes

 “Somos veraneantes no noso propio país”  Maximo Gorki



VERANEANTES é unha mostra de produción propia cuxo título alude a esa condición de reencontro que supón un proxecto circunscrito ao noso contexto máis próximo. Na súa acepción literaria, remítenos á peza teatral Veraneantes, que Maximo Gorki estreou en 1904, na que se transmitía a necesidade de cambio na sociedade rusa pre-revolucionaria nun mundo en transformación, onde os personaxes, reunidos en torno a unha discusión, mostran como o ser humano adquire conciencia da súa capacidade para transformar o mundo que o rodea. Un panorama das relacións humanas, das dificultades para o entendemento, a comunicación e a convivencia, entre a reflexión intelectual e a axitación cívica.

Esta exposición presenta un conxunto de obras en múltiples formatos e soportes, distribuídas por todos os espazos da planta baixa do MARCO, incluíndo zonas de tránsito de visitantes no interior e o exterior do Museo, como a peza sonora de Miguel Prado na fachada, as intervencións de Mar Vicente no vestíbulo, de Misha Bies Golas diante da porta principal, e de Doa Ocampo en todo o perímetro dos seus muros. Ou o proxecto de Enrique Lista, que se formaliza en tres ámbitos de actuación: a exposición en sala, o menú do restaurante do MARCO, e a web do Museo. Ademais, entre os meses de outubro e marzo, preséntase un programa de artes escénicas e cinema que terá lugar cada fin de semana nunha das salas brancas da planta baixa, adaptada especialmente para esta ocasión. O ciclo ‘Material Memoria’, comisariado por Pablo Fidalgo Lareo, inclúe artistas que traballan coa palabra e coa memoria familiar, xeracional e política como eixe da súa obra. Cun máximo de dúas persoas en escena, reivindica a sinxeleza e a frontalidade como esencia do teatral.

Alén de calquera intento de poñer orde mediante unha sucesión de traballos, a exposición articúlase dende unha perspectiva orgánica, onde uns conceptos levan a outros, propiciando a liberdade de asociación. Dende o punto de vista curatorial, enténdese VERANEANTES como un exercicio de pensamento expandido, que pon o acento no aquí e agora, e no que as pezas serven para formular preguntas.

A relación dos artistas cun territorio —Galicia— fai xurdir cuestións sobre o que significa a pertenza a un lugar, especialmente nun momento como o actual, no que a mobilidade e os fluxos de información reconfiguran constantemente o concepto de identidade, e cando a análise cultural —ou transcultural— excede calquera delimitación xeográfica. Nun contexto formativo globalizado, sen urxencia por absorber os debates sobre o peso da tradición ou o cosmopolitismo doutras décadas, os artistas amplían os seus referentes e, á vez, apréciase unha reflexión constante sobre o seu propio contexto, tamén dende a distancia. A maioría dos participantes non viven dentro ou fóra, senón entre dentro e fóra dun territorio de tránsito, xa sexa físico, mental ou emocional; e participan, por así dicir, do clima cultural dunha mesma época. Procesos de traballo e buscas individuais que, á vez, deixan translucir un conxunto de preocupacións comúns.

A exposición parte dun proceso de investigación que comezou hai máis dun ano e que, dende o punto de vista da produción artística, puxo de manifesto a existencia de mínimas estruturas de apoio —premios, bolsas, espazos autoxestionados...— e á vez, unha grande escaseza de lugares para a produción. Un proxecto como VERANEANTES, no que a maioría das obras foron realizadas especificamente para os espazos do MARCO, supuxo un notable esforzo de produción de todos os participantes e dende o punto de vista do MARCO como institución, e ao mesmo tempo, unha oportunidade para desenvolver propostas que doutro xeito non serían posibles, contribuíndo así a unha maior visibilidade e profesionalización dos artistas. A exposición responde en boa parte a esta necesidade, e a exhibición das obras supón un primeiro paso neste proceso, coa posibilidade de completalo, nos próximos meses, con achegas doutras persoas, colectivos e axentes do panorama artístico.

VERANEANTES traza un dos moitos e subxectivos mapas da produción cultural dunha época e dun territorio, onde as obras reflicten unha forte relación natural cara á súa orixe, a súa especificidade, a lingua, a memoria familiar, a paisaxe, os recursos naturais, os acontecementos filtrados pola historia, e unha dimensión máis social da arte.
MARCO
Enrique Lista



 

venres 13 decembro 2013

En EXPOSICIÓNS | Sen comentarios | Permalink






Enviar un comentario

Nome:
Correo electrónico:
URL:
O teu comentario:

sintaxe html: deshabilitado




Google+

Visita el perfil de galizart de Pinterest.
Follow my blog with Bloglovin

Follow



Instagram